A Deputación aproba axudas para competicións deportivas por 670.000 euros, cunha nova liña que axilizará as compras dos organizadores

Trátanse de 550.000€ para a organización de competicións ou eventos deportivos e das novas axudas valoradas en 120.000 € para a adquisición de bens e servizos para organizar eventos. Xunto coa liña de achegas de 100.000 € para apoiar competicións de interese turístico, que se publicou esta mesma semana, suman un total de 800.000 €

28/02/2025

Luis López

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres un total de 670.000 euros para a organización de competicións e eventos deportivos na provincia a través de dúas liñas de axudas que o presidente Luis López presentou esta mesma semana, xunto cos deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola, no campo de fútbol de A Senra, en Ribadumia, nun encontro con representantes do tecido deportivo da comarca do Salnés. Estas achegas, tal e como subliñou López, xunto cos 100.000 € de axudas para a organización de eventos deportivos de interese  turístico que se publicaron esta mesma semana, suman un total de 800.000 € “para seguir avanzando no impulso do deporte na provincia. Unha proba máis de que o noso compromiso co deporte non se sustenta en palabras, senón en feitos, algo que demostramos semana a semana”.

En concreto, a primeira das liñas, dotada con 550.000 €, 50.000 € máis que o pasado ano, permitirá a clubs deportivos da provincia e ás Federacións Autonómicas e Españolas a organización de competicións ou eventos deportivos na provincia para o ano 2025 e conta con dúas liñas diferentes. Por un lado, na Liña 1 (300.000 euros) encádranse competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacional e tamén competicións ou eventos deportivos de ámbito internacional e de alto impacto e, polo outro, na Liña 2 (250.000 euros) encádranse as competición oficiais e non oficiais, de todos os ámbitos territoriais, non incluídas na primeira das liñas. A principal novidade desta edición está no aumento do importe da Liña 2, en 50.000 euros, e o incremento da axuda máxima que poden recibir as entidades beneficiarias da mesma, que pasa dos 6.000 euros do ano pasado aos 12.500 euros desta edición. Cos recursos destas axudas poderanse financiar gastos federativos, de viaxe, de organización, publicitarios, sanitarios, de material e premios.

Ademais, o goberno de Luis López activou unha nova medida de apoio ao deporte, dotada con 120.000 euros para mercar bens ou financiar servizos para campionatos ou eventos deportivos, cunha achega máxima de 1.000 euros por beneficiario. Trátase dunha demanda que se viña rexistrando na Deputación de Pontevedra e coa que se pretende atender unha necesidade existente entre as entidades públicas e privadas que organizan campionatos ou eventos deportivos. Neste caso, esta nova medida contará con dúas liñas de financiamento, por un lado para a adquisición de bens a entregar aos participantes nas probas, como medallas, trofeos, camisetas ou material promocional; e, por outro, para contratar servizos necesarios para a organización do evento, como asistencia sanitaria, arbitraxe ou servizos de retransmisión ou streaming. A vontade do goberno provincial é que esta liña se resolva con axilidade para poder dar resposta aos colectivos que levan anos demandándoa.

audios