A Deputación concede máis de 6.000 euros ao Concello do Rosal para a adquisición de bicicletas para os clubs ciclistas do municipio
Esta achega únese aos máis de 45.000 € que a institución provincial destinou xa ao concello para dotar de novos elementos ao campo de fútbol da Mata e ao pavillón municipal
24/07/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega para o Concello do Rosal de algo máis de 6.000 euros, para adquirir bicicletas novas para os clubs ciclistas do municipio. Trátase da terceira achega do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da institución provincial que recibe o concello, despois dos máis de 45.000 € que o organismo destinou xa ao Rosal para adquirir un videomarcador para o pavillón municipal e porterías para o campo de fútbol da Mata e para o pavillón municipal. En total e ata o momento, o Goberno provincial mobilizou ao abeiro deste Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas máis de 3,8 dos 4 millóns de orzamento.
Con estes 6.500 euros O Rosal adquirirá nove bicicletas para nenos, co obxectivo de colaborar cos clubs ciclistas do municipio mediante o empréstito das mesmas aos pequenos que practican ciclismo e que, por unha cuestión de recursos económicos, non se poden permitir a adquisición dunha bicicleta propia. Deste xeito, calquera neno que queira practicar este deporte e non conte con bicicleta propia poderá solicitala e utilizala para os adestramentos co club.
As bicicletas que o Concello pretende adquirir son de diferentes medidas para abranguer todos os rangos de idade dos nenos que forman partes dos clubs. Desta maneira, serán dúas bicicletas MX 16, dúas MX 20, 2 MX 24, unha Júnior XS 27,5 e dúas Júnior talla S.