A Deputación concede 35.000 euros a Pontecesures para reformar os vestiarios do pavillón polideportivo municipal
Trátanse de recursos do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que distribuíu xa preto de 2,3 millóns de euros entre concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes
01/05/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de 35.000 euros ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado con 4 millóns de euros, para o Concello de Pontecesures. Con estes recursos, o Goberno local procederá a reformar os vestiarios do pavillón polideportivo municipal.
O Concello de Pontecesures destinará esta achega de 35.522 euros a acometer estas obras de mellora, que inclúen a reorganización dos espazos dos vestiarios dos equipos (dous para cada un), ampliando a zona de duchas e de cambiadores. Renovaranse os acabados das paredes, solos e os aparatos sanitarios existentes, así como as instalacións de fontanería, electricidade e sinalización de emerxencia. A finalidade é adaptar e ampliar os espazos ás necesidades actuais e adecualos para que sexa accesibles ás persoas con mobilidade reducida.
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento preto de 2,3 dos 4 millóns de euros do orzamento total, con achegas, ademais de para Pontecesures, para A Cañiza, A Estrada, A Illa de Arousa, A Lama, Agolada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meaño, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Silleda, Soutomaior, Valga, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova.