A Deputación aproba máis de 30.000 euros para que o Concello da Lama mellore a eficiencia enerxética do polideportivo municipal
Estes recursos enmárcanse no Plan extraordinario de infraestruturas deportivas, dos que xa se mobilizaron máis de 1,7 millóns de euros entre 28 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes
20/04/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha nova axuda de preto de algo máis de 32.000 euros ao abeiro do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas para o Concello da Lama. Estes novos recursos permitiranlle ao Goberno local mellorar a eficiencia enerxética da fachada traseira do polideportivo municipal, situado no lugar da Pedreira.
Con estes 32.000 euros o Concello da Lama instalará unha fachada ventilada, que se poñerá acaroada á actual fachada posterior. Estará formada por piares ancorados á estrutura que existe na actualidade, paneis de sándwich de 30 mm de espesor e remates. O obxectivo final é mellorar a eficiencia enerxética de todo o edificio, que ten unha planta de 1063 m2.
O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación, dirixido aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, mobilizou ata o momento 1,7 dos 4 millóns de orzamento total, con achegas, ademais de para A Lama, para A Cañiza, A Estrada, Arbo, As Neves, Baiona, Barro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, Lalín, Marín, Meis, Mondariz-Balneario, Moraña, O Rosal, Pazos de Borbén, Poio, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Valga, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa.