A vicepresidenta Luisa Sánchez celebra o “sentimento que perdura” do Club Balonmán Cangas, que fará esta temporada 25 anos na Liga ASOBAL
09/08/2024
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este venres na presentación oficial do equipo da Liga Asobal do Club Balonmán Cangas para a temporada 2024/2025, que marcará a 25ª do club na máxima categoría masculina do balonmán español. A vicepresidenta saudou os deportistas, dándolle a benvida ás novas fichaxes do equipo e desexándolles "un ano marabilloso que vos colmará de éxitos" para celebrar "un cuarto de século implantando na vosa afección, e en toda a cidadanía de Cangas do Morrazo e da provincia, un sentimento que perdura".
No acto, que se celebrou no adro da Igrexa de Santa María de Darbo, déronse cita todos os equipos do club e a súa afección. Luisa Sánchez salientou "o moito que a xente vos quere, porque por algo O Gatañal tivo a asistencia máis alta dos partidos de toda a liga". Por iso, asegurou, "ademais de orgullo de equipo, temos orgullo de afección", que arroupou o Balonmán Cangas ante a próxima temporada na Liga ASOBAL e a pretemporada que levará o club polo sur da provincia, Castela e León e Portugal desde mañá sábado. "Sodes un club exemplar e é unha sorte ter clubs de elite como o voso na provincia de Pontevedra", sinalou a vicepresidenta, que reiterou o apoio da Deputación ao deporte "como unha gran prioridade do noso goberno". Un compromiso que permitirá "que nos sigades amosando que se pode ser á vez un club humilde pero moi grande: e iso non é un sentimento, é unha realidade", afirmou Luisa Sánchez.