Luis López destaca o acordo para transferirlle a titularidade do Carlos Oroza á Xunta de Galicia como exemplo de colaboración institucional para mellorar os servizos da provincia
O presidente provincial comprobou o remate das obras de ampliación deste centro de formación co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e co conselleiro Román Rodríguez
12/03/2024
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reiterou a vontade colaboradora entre o Goberno provincial e autonómico durante unha visita ao CIFP Carlos Oroza para comprobar o remate das obras de ampliación levadas a cabo neste centro de formación pontevedrés. Acompañado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e polo conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o mandatario provincial puxo como exemplo o protocolo asinado entre a Xunta e a Deputación para transferir a titularidade dos centros educativos de Príncipe Felipe co fin de ilustrar a colaboración leal e fluída entre as dúas administracións “para ofrecer os mellores servizos”.
O titular do Goberno provincial tamén tivo palabras de recoñecemento para as e os profesionais que imparten as titulacións do Carlos Oroza, un centro de referencia a nivel nacional en áreas coma a hostalería e o turismo. “O Carlos Oroza é unha extraordinaria canteira da que saen cada ano profesionais que constrúen un destino turístico, As Rías Baixas, único e en crecemento; dúas calidades que poden aplicarse tamén a este centro”, recoñeceu Luis López. Neste sentido, o dirixente da Deputación desexou que, con estas novas instalacións, o centro consiga “acadar novas metas” que sirvan para impulsar a nosa hostalaría, turismo e economía.
Do mesmo xeito, Luis López reiterou o compromiso da institución provincial para seguir tendendo pontes con administracións coma a Xunta e así beneficiar a toda a cidadanía da provincia. Neste sentido, agradeceu o “esforzo e impulso económico” promovido pola Xunta, tanto na cidade de Pontevedra coma no conxunto da provincia. Un apoio que se reflectiu en convenios coma o asinado entre ambas as administracións para a restauración do convento de Santa Clara ou as transferencias de titularidade da Escola de Cantería ou do pazo de Lourizán; estes acordos servirán para “ofrecer mellores servizos” cos que a Deputación seguirá “a dar cumprimento das súas obrigas e deberes”, rematou o presidente.