A Deputación afondará sobre a madeira como soporte de bens culturais na 13ª edición do Encontro de Conservación e Restauración
A cita anual de referencia organizada polo Museo de Pontevedra e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia celebrarase os días 21 e 22 de novembro no Edificio Castelao
21/10/2024
O XIII Encontro de Conservación e Restauración, que cada ano organizan o Museo de Pontevedra e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, centrarase nesta ocasión na intervención nun material presente en numerosos bens patrimoniais: a madeira. Será os días 21 e 22 de novembro no Edifico Castelao, coa presenza de expertos na materia procedentes da National Gallery de Londres, o Museo del Prado, o Gran Museo de Exipto e outras institucións de referencia. Xa está aberta a inscrición para asistir de maneira gratuíta.
No encontro abordaranse as particularidades do tratamento da madeira en pezas arqueolóxicas, esculturas, pinturas e elementos singulares como retablos, embarcacións ou cadaleitos. Mohamed Moustafa, conservador de artefactos de madeira do Gran Museo de Exipto, explicará as investigacións e intervencións realizadas na cama de madeira pintada de Tutankamon, que se conserva nese museo do Cairo. E David Pearson, director de conservación do Mary Rose, explicará os métodos de conservación que se aplican ao barco de guerra insignia de Enrique VIII, construído no século XVI e que se conserva musealizado no porto inglés de Portsmouth.
Estes son dous exemplos da diversidade de usos da madeira nos bens culturais e dos enfoques variados que terán as conferencias desta edición. As prácticas que realizan en pinturas sobre táboa na National Gallery de Londres e no Museo del Prado serán abordadas por Britta New e José de la Fuente, respectivamente. A conservación de obxectos arqueolóxicos centrará as conferencias de Luis Carlos Zambrano, do Museo de Cádiz e do equipo galego formado por María Martín, Clara González, Carolina Pérez, Yolanda Porto e Olga Aguín.
As intervencións en arquitectura e en elementos estruturais de edificios serán protagonistas nas conferencias de Manuel Touza, que abrirá o encontro falando dunha intervención no mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, e de Mayte Domínguez, que falará da actuación da Casa del Labrador, no Real Sitio de Aranjuez. Rosa Tera, de Batea Restauración, falará dos tratamentos empregados na estabilización de retablos. Tamén se abordarán aspectos técnicos, como o uso de masillas, os tratamentos contra termitas e a bioloxía da biodeterización de obxectos de madeira, con conferencias de Manuel Moragues, David Mora e Héctor Bolívar.
Inscrición aberta
A inscrición é gratuíta e pode facerse ata o 18 de novembro a través da web do Museo: https://museo.depo.gal/encontro-conservacion-restauracion/inscricion. As prazas son limitadas. O encontro está orientado a profesionais de museoloxía e está aberto a estudantes de disciplinas relacionadas, como conservación e restauración, historia, ou historia da arte. Ten carácter presencial, aínda que as intervencións serán rexistradas en vídeo e posteriormente postas a disposición do público no sitio web do Museo.