A Deputación aproba destinar preto de 1,2 millóns de euros para os clubs federados de ámbito inferior ao estatal e para o deporte náutico da provincia de Pontevedra

Luis López: “Estas subvencións son unha proba de que este é un Goberno de feitos e de que o noso compromiso co deporte tradúcese en recursos concretos para promover a práctica deportiva e para impulsar todas as modalidades”

07/06/2024

Conferencia de prensa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno acaba de aprobar dúas novas liñas de axudas destinadas a impulsar o deporte na provincia dotadas de preto de 1,2 millóns de euros e que serán repartidas entre os clubs da provincia por concorrencia competitiva. En concreto, trátanse das subvencións para apoiar aos clubs náuticos de piragüismo, vela e remo neste 2024, dotadas con 500.000 euros, e das achegas para axudar aos clubs a participar en competicións oficiais de ámbito inferior, cun orzamento de 650.000 euros, é dicir, 25.000 máis que o pasado ano. “Estas subvencións son unha proba de que este é un Goberno de feitos - asegurou o presidente provincial- e de que o noso compromiso co deporte tradúcese en recursos concretos para promover a práctica deportiva e para impulsar todas as modalidades, apoiando aos clubs e federacións de todas as disciplinas”.

No caso das primeiras, están dirixidas aos clubs deportivos sen ánimo de lucro da provincia que participen en competición oficiais de calquera ámbito territorial no piragüismo, ao que se destinan 280.000 euros, remo, con 145.000 €, ou vela, con 75.000 euros. Cada club poderá recibir un máximo de 25.000 euros, sempre que non supere o 40% do orzamento presentado. Entre os gastos que poden subvencionar os clubs atópanse os gastos federativos, os de competición e adestramento, os de persoal, de material deportivo ou sanitarios.

Por outra banda, 650.000 euros destinaranse aos clubs deportivos que participen en competicións oficiais de ámbito inferior á estatal a través de dúas liñas. Unha, dirixida aos clubs de competicións de ámbito inferior a estatal que, cun orzamento de 600.000 euros, poden solicitar un máximo de 3.000 € cada un, 500 € máis que o pasado ano. E, a outra, centrada naqueles clubs que participen en competicións de fútbol Preferente Galicia Grupo Sur, aos que a Deputación destina 50.000 euros, con achegas máximas de ata 5.000 € por club. En ambos casos, o importe máximo non pode superar o 80% do orzamento presentado, a diferenza do 2023, que non podía ser maior ao 40%, e os gastos subvencionables son tamén os federativos, de competición e adestramento, de persoal, de material deportivo ou sanitarios.

audios