Carmela Silva, a presidenta provincial máis transparente de toda España
No barómetro de Dyntra, a presidenta da Deputación de Pontevedra lidera o ranking cun 91,43% de cumprimento, moi por enriba da media estatal que está no 43,64%
14/05/2022
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva Rego, é a líder provincial con maior grao de transparencia de España, segundo o estudo independente realizado por Dyntra. Carmela Silva, que se sitúa no primeiro lugar de entre os/as titulares dos 52 Gobernos provinciais e insulares, alcanza un grao de cumprimento dun 91,43% nos indicadores avaliados pola axencia.
A porcentaxe de transparencia despréndese do cumprimento total de 32 dos 35 indicadores analizados por Dyntra. Así acreditouse que a presidenta da Deputación alcanzou un 100% de transparencia en información sobre o cargo, un 100% nos datos sobre o persoal de confianza, outro 100% na información económico-financeira, un 83% en comunicación pública e un 50% na participación e colaboración cidadá. Os indicadores son avaliados por investigadores independentes e poden ser corroborados pola cidadanía a través do portal web www.dyntra.org.
A mellora continua na transparencia tanto da Deputación de Pontevedra como da súa presidenta é un obxectivo destes últimos anos que agora culmínase con este primeiro posto. A institución provincial estaba nos últimos lugares do Estado cando no ano 2015 produciuse o cambio político á súa fronte. De feito, a puntuación que agora alcanza Carmela Silva, cun 91,43% de transparencia, supón un fito nos rankings de Dyntra, dado que a media entre os/as presidentes/as de España é dun 43,64%, é dicir, menos da metade.
Dyntra é unha comunidade aberta dotada dunha plataforma tecnolóxica que posibilita unha avaliación obxectiva do nivel alcanzado respecto dos estándares reflectidos no índice de transparencia. Os 35 indicadores que se avalían no caso dos/as líderes provinciais están desenvolvidos por un grupo de investigadores/as e actores sociais que, ademais, son os encargados de comprobar o os estándares de cumprimento. Ademais de avaliar a transparencia dos/as presidentes/as das deputacións, Dyntra analiza aos líderes estatais e autonómicos, aos partidos políticos, clubs e federacións deportivas, autoridades portuarias e moitas outras entidades e colectivos.