Patricia Fernández de Lis
Redactora xefa de Ciencia, Tecnoloxía e Saúde en El País e directora de Materia. Colaboradora en RNE e profesora na Escola de Xornalismo UAM-El País.
Traballou durante máis de dez anos como redactora de El País en temas relacionados coas novas tecnoloxías e internet. En 2007 incorporouse ao equipo fundador do xornal Público como redactora xefa da Sección de Ciencias, que chegou a ser unha das máis extensas da prensa europea e que recibiu o Premio Prisma 2010 Especial do Xurado da Casa das Ciencias da Coruña, o galardón máis prestixioso na divulgación científica en España.
En 2012 fundou a web de noticias Materia (http://esmateria.com), coa aspiración de converterse na referencia na información de ciencia, tecnoloxía, saúde e medio ambiente en español. En setembro de 2014 Materia asóciase con El País, e Patricia é nomeada redactora xefa de Ciencia e Tecnoloxía do xornal. Neste tempo, Materia consolidouse como a referencia en información científica en español e recibiu numerosos premios; o último, en xuño de 2021, na primeira edición do Premio CSIC-Fundación BBVA de Comunicación Científica, por representar “unha aposta diferencial de comunicación científica desde España que é equiparable ás seccións de ciencia dos grandes medios internacionais”.
Patricia pronunciou conferencias e imparte obradoiros sobre ciencia, xornalismo e divulgación por toda España, e en países coma Estados Unidos, México, Perú, Reino Unido, Francia ou Estonia.
Entre outros recoñecementos, en 2002 recibiu a bolsa German Marshall de novos líderes europeos e en 2011 gañou o premio Mario Bohoslavsky pola súa contribución á loita contra as pseudociencias. En 2019 recibiu o Premio Xornalístico Concha García Campoy da Academia de TV á traxectoria "pola súa brillante carreira como xornalista de ciencia e tecnoloxía" e a Xunta Directiva da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) acorda nomeala asociada ad honorem "pola gran visibilidade que proporciona en El País á opinión das mulleres científicas e aos seus descubrimentos".
En 2021 obtivo o Premio Prisma 2021 Casa das Ciencias na modalidade de mellor artigo xornalístico por “El año de la ciencia” (El País Semanal), pola “análise con solidez, de mans dos seus protagonistas, da complexa relación entre ciencia e sociedade nun ano excepcional”.
Twitter: @pflis