Luz verde da Deputación ao convenio con Meis para facer realidade a esperada mellora da mobilidade peonil na subida a Arcos

A actuación suporá un investimento de 242.454 € coa que o goberno provincial dá resposta a unha demanda histórica da parroquia de San Tomé 

24/04/2022

Seguen a darse pasos cara adiante para facer realidade a actuación de mellora da mobilidade peonil na subida a Arcos, en Meis. Trala presentación do proxecto a finais de marzo, o Goberno da Deputación vén de aprobar o convenio co concello de Meis para establecer os mecanismos que permitan artellar o inicio das esperadas obras na EP-9401 e dar así resposta a unha demanda histórica das e dos habitantes da parroquia de San Tomé. En total destinaranse 242.454 €, financiados na súa totalidade pola Deputación de Pontevedra, para crear unha senda peonil na EP-9401 Travesía Meis-San Salvador-Enlace Autovía AG41 e dotar á vía de elementos que garantan a seguridade das persoas.

A EP-9401 na que se vai actuar no marco deste convenio enlaza coa EP-9403 e coa Autovía do Salnés, polo que rexistra un importante tránsito que fai necesario garantir a seguridade viaria das persoas que camiñan. Grazas ao traballo conxunto de Deputación, Concello de Meis e veciñanza, que cedeu de forma gratuíta os terreos necesarios, vaise crear unha senda peonil de 2,5 metros de ancho, cómoda e segura, ao longo dos 320 metros da estrada.

Amais da senda, renovarase o pavimento e, dado que o ancho actual da estrada é insuficiente, levarase a cabo o seu ensanche coa execución do paquete de firme completo nas zonas onde sexa necesario. A seguranza viaria reforzarase tamén coa execución de tres pasos de peóns sobreelevados e coa renovación da sinalización horizontal e vertical. Tamén se mellorará a drenaxe, canalizacións e arquetas para o soterramento das redes de baixa tensión e telecomunicacións e executarase unha nova rede subterránea de alumeado público. Unha vez rematadas as obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses, o viario terá unha velocidade máxima de 30 quilómetros por hora para garantir a seguridade e convivencia de vehículos e persoas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.