#LINGUA
Funcións
Na Deputación de Pontevedra, o Servizo de Normalización Lingüística e Servizos Lingüísticos é o encargado de desenvolver medidas que procuren a extensión de ámbitos de uso da lingua galega e asesorar para o seu emprego correcto. Trátase, xa que logo, dun servizo especializado que abrangue de maneira transversal as comunicacións escritas da Deputación, ademais de ofrecer, anualmente, liñas de axudas á dinamización e normalización do galego no ámbito de actuación desta institución. En concreto, entre as súas funcións están:
- Atender e resolver as consultas e dúbidas lingüísticas do persoal.
- Realizar tarefas de revisión, corrección e asesoramento lingüístico dos textos e documentos xerados polos distintos servizos da institución provincial e, no seu caso, realizar a tradución a outras linguas coma o español, inglés, francés ou portugués e destas ao galego.
- Elaborar e xestionar programas ―da Deputación ou en colaboración con outras institucións― e subvencións para concellos e entidades en materia de normalización e dinamización da lingua galega.
- Difundir criterios lingüísticos e usos adecuados, principalmente, para a linguaxe administrativa.
- Promover accións formativas en lingua galega e difundir ferramentas e recursos elaborados por outros organismos que traballan para fomentala, coma a Escola Galega de Administración Pública, a Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega ou as universidades galegas.