17 MAIO

2014

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Xosé M.ª Díaz Castro

“Estes non son poemas, nin cimentos
de poemas siquera. Son fragmentos
de min mesmo perdidos,
coma ventos fuxidos,
por antigos camiños esquencidos:
Díaz Castro perdido no traxeito
dun recordo moi longo, recolleito
por un anxo e salvado
nalgún intre de amor desesperado!”

“Coma ventos fuxidos”, Nimbos (1961)

Xosé M.ª Díaz Castro

(Guitiriz, 1914 – 1990)

Foi un poeta, profesor e tradutor galego. Estudou no seminario de Mondoñedo e máis tarde realizou a carreira de Filosofía e Letras en Salamanca, na especialidade de Linguas Modernas, das que chegou a dominar e traducir doce. Autor dunha breve obra poética, traduciu ao galego a Rainer Maria Rilke, e ao francés a Aquilino Iglesia Alvariño e a Fermín Bouza Brey. Foi académico da lingua e colaborador de diversas publicacións literarias.

GRANDES ÉXITOS

1961

Nimbos

Nimbos (1961) é un poemario publicado pola Editorial Galaxia e impreso na Imprenta Peón, en Pontevedra. Nesta primeira edición contaba con ilustracións de Xohán Ledo na cuberta e nas páxinas interiores. O libro consta de trinta e dous poemas agrupados en sete epígrafes de temática variada, cunha linguaxe rica ademais dunha depurada técnica. Foi a única obra publicada en vida de Xosé M.ª Díaz Castro.

O seu poema “Penélope”, incluído neste volume, foi o que lle deu máis sona. Nel, o poeta desde un punto de vista pesimista, interpreta o devir histórico de Galicia como a tea que facía e desfacía decote a personaxe da Odisea, “un paso adiante i outro atrás”.

“A poesía de Díaz Castro é unha das máis representativas do noso tempo; unha poesía que, sendo fondamente galega polo espíritu que a informa, resulta universal pola altura e a verdade que encerra.”

Historia da literatura galega (1984), Francisco Fernández del Riego