17 MAIO

1974

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Xoán Vicente Viqueira

“...que o mestre en Galicia seipa o galego e isto non abrangueráse verdadeiramente sinon exigindollo nas oposicións como unha materia do cuestionario e creando cadeiras de língua e literatura galega nas escolas Normaes.

Repito o que outras veces dixen: non se trata aquí d’unha aspiración puramente sentimental. Trátase d’unha exigencia pedagógica que é preciso falar en galego para chegar â y-alma do neno galego, e aumento de potencialidade do discípulo, porque un galego bilingüe ten abertos ante si os países de língua española e portuguesa e pol-o mesmo é moito mais útil e eficaz para España.” (...)

“O galego na escola”, A Nosa Terra (1917)

Xoán Vicente Viqueira

(Madrid, 1886 – Lagoa, Bergondo, 1924)

Foi un filósofo, psicólogo, pedagogo, poeta e tradutor galego, alumno da Institución Libre de Ensinanza. Estudou Filosofía e Psicoloxía en Madrid e París, e tamén en Alemaña, grazas a unha bolsa de ampliación de estudos. Obtivo a cátedra de Psicoloxía, Lóxica e Ética do Instituto Xeral de Santiago de Compostela, aínda que logo se trasladaría á Coruña. Participou nas Irmandades da Fala e colaborou en A Nosa Terra. Na súa obra interesouse pola necesidade dunha modernización no sistema educativo.

GRANDES ÉXITOS

1931

Ensaios e poesías

Ensaios e poesías, publicada en 1931 pola editorial Nós despois do seu falecemento, é unha escolma que recolle a súa obra ensaística aparecida en A Nosa Terra e tamén outros escritos inéditos. Nesta publicación homenaxe reúnense artigos e conferencias de natureza diversa. Nos seus textos Viqueira afonda na necesidade de reformar o ensino e na defensa do uso da lingua galega na educación e nos demais eidos. Expón tamén o achegamento da nosa ortografía á portuguesa e atopamos numerosas reflexións filosóficas e políticas sempre coa realidade galega de fondo. Como ben indica o título, temos asemade a obra poética do autor e, para finalizar, unha obra de Teócrito traducida do grego polo propio Viqueira.

“Viqueira parte do feito de que Galicia ten un fin moral que comprir: traer á grande obra cultural da humanidade, a súa individual, enxebre civilización. E, recíprocamente, a humanidade precisa déla como dunha máis pra a súa plenitude. A súa visión, desentendéndose do pasado, olla cara o porvir.”

Francisco Fernández del Riego sobre Xoán Vicente Viqueira no discurso de entrada na Real Academia Galega (1960)