17 MAIO
1999
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
“¡Loitador, non te deteñas!
Ten cada hora novo alento,
sigue a luz que te ilumiña,
mira a cotío pr’o ceo.
Ôn lado e outro do camiño
toparás pinchos e rebos,
e da estulticia e a enveja
ladraránche os cans famentos.
Loitador, non te deteñas!
¡Levas a verdá no peito,
e a estrela que te guía
ten resplandores eternos!”.
“Loitador...”, Orballo da media noite (1929)
Roberto Blanco Torres
(Cuntis, 1891 – Entrimo, 1936)
Foi un poeta e xornalista galego. En 1906 emigrou a Cuba, onde contactou coa intelectualidade emigrante galega e comezou a colaborar en diversos medios coma Follas Novas, Galicia ou La Tierra Gallega, do que foi director. En 1916 volveu a Galicia e participou nas Irmandades da Fala. Dirixiu varios medios coma El progreso ou El País na edición de Pontevedra e foi xefe do gabinete de prensa do Ministerio de Gobernación. Co golpe de Estado de 1936 foi detido e asasinado polo bando sublevado.
GRANDES ÉXITOS
1929
Orballo da media noite (1929) é o único poemario publicado polo autor, que sorprendeu con esta obra de 31 poemas que van desde a estética das vangardas ata o contido satírico e comprometido. Case todas as pezas eran inéditas ata o momento agás o poema “Elegía do espírito enfermo”, que saíu publicado un pouco antes no número 69 da revista Nós e que xa adiantaba a próxima aparición do libro. Este divídese en dúas partes: a primeira recolle obras que se achegan á poesía metafísica e existencialista, coma “Postulación da ética” e “O grilo a cantar”, e na segunda o carácter reivindicativo do autor, tan coñecido no eido do xornalismo, faise presente en poemas coma “Na cidade” ou “As apariencias”.
“A Roberto Blanco Torres —honrado, pobre e fondamente relixioso— matárono polas súas ideas. Era suficiente o "odio á intelixencia", tema e título dunha fermosa páxina súa. Os asasinos quizais sabían tamén que Roberto Blanco Torres pertencía a esa clase de seres humanos ós que, se non os matan polas súas ideas, son capaces de morrer por defendelas.”
Roberto Blanco Torres, edición de Xesús Alonso Montero, publicacións da RAG (1999)