17 MAIO

1969

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Antonio Noriega Varela

“Toda humilde beleza”

“Vago xirón de brétema, atadío
soberbio da hirta xesta, reidora,
fulgurante doíña de rocío
(pazo do sol e lágrima da aurora);

raiola de luar que bica o río,
flor mareliña que entre espiñas chora,
ou das redes da a araña un tenue fío,
toda humilde beleza me namora.

É un vermiño de luz o amigo caro
do meu nume saudoso… Antes reparo
na nudez adorable dunha estrela

que nas rosas dos vales, que sorríen,
que nos mantos dos pinos, que se engríen,
que nas blondas do mar, que se rebela.”

D’o ermo (1920)

Antonio Noriega Varela

(Mondoñedo, 1869 – Viveiro, 1947)

Foi un poeta, mestre e xornalista galego. Comezou o seu labor literario con colaboracións na revista satírica Guau...Guau! Participou nas Irmandades da Fala e por mor da súa simpatía co movemento agrarista e anticaciquil foi obrigado a trasladarse do seu posto de mestre a Calvos de Randín e Trasalba. Neses destinos interesouse pola literatura portuguesa e trabou amizade con membros da xeración Nós. En 1927 foi nomeado membro da Real Academia Galega.

GRANDES ÉXITOS

1904

Montañesas

Montañesas (1904) é unha obra poética costumista protagonizada pola natureza e pola vida das e dos labregos. Publicouse inicialmente en 1904, pero máis adiante foise ampliando e renovando, e a partir da terceira edición, de 1920, pasaría a chamarse D’o ermo e a avanzar ata unha lírica onde adquiren relevancia os elementos máis humildes da natureza.

Como falan os brañegos (1928) é unha escolma de locucións, frases e refráns populares que empregaban as e os labregos da zona de Abadín, onde se atopaba o poeta. A investigación e a conservación da fala e dos costumes da xente campesiña sempre foi do interese de Noriega Varela.

Como falan os brañegos

1928

Outras obras

A Virxe e a paisanaxe (1913)

“Namorado das cousas homildes, das cousas pequenas da paisaxe, sabe ollar nelas a grandeza que teñen; sabe que ‘pra alcanzar a lúa nin xiquera é preciso ser xigante’. E canta a Galicia, sinxela e nobremente.”

Francisco Fernández del Riego sobre Antonio Noriega Varela no discurso de entrada na Real Academia Galega (1960)