17 MAIO
2025
DÍA DAS LETRAS GALEGAS

“Canteiros de Pontevedra
que fixeron vi´la iaghua
de Vigho a Redondela
ai la la...”
Cancioneiro popular galego (1984)
Recollido por Dorothé Schubart e Antón Santamarina
no Vilar (Carnota), a Victorina, Manuela e Dominga.
“O gaiteiro de Soutelo
mal raio de Dio-lo mate
non quere toca-la gaita
se non lle dan chocolate”
Cancioneiro popular galego (1984)
Recollido por Dorothé Schubart e Antón Santamarina
no Fontenlo, Codeseda (A Estrada), a Manuel.
A poesía popular
Foron creadoras e transmisoras de arte e beleza, como anunciou a Real Academia Galega para homenaxealas no Día das Letras Galegas en 2025. Representan a poesía popular galega e a tradición oral que conservou e alumeou o noso idioma. Personificada nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar (as tres Pandeireteiras de Mens, de Malpica de Bergantiños), esta edición é unha homenaxe a toda a cultura popular galega.
GRANDES ÉXITOS
1984

Cancioneiro popular galego (1984) é unha obra de recompilación das cancións populares galegas promovida pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. O traballo de recollida, transcrición e clasificación levárono adiante Dorothé Schubart e Antón Santamarina entre 1978 e 1983, e está considerado como o máis completo dos cancioneiros populares ata o momento. A publicación consta de sete volumes, divididos en partituras, melodías e letras, nos que se recollen máis de cinco mil pezas, o que a converte nun estudo referente da música tradicional galega. En 2014, Dorothé Schubarth dooulle o arquivo sonoro deste traballo de campo ao Museo do Pobo Galego e actualmente está accesible no Arquivo Sonoro de Galicia.
Outros cancioneiros populares son: o Cancionero musical de Galicia, recollido por Casto Sampedro e publicado por Filgueira Valverde (1942); o Cancioneiro galego, por Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay (1973); ou o Cantingueiro popular da Baixa Limia, de Xaquín Lorenzo (1973).
“Quizais é o cancioneiro unha das parcelas do patrimonio inmaterial mellor conservadas aínda; cando a Schubarth e eu recollemos o Cancioneiro popular galego pensamos que xa eramos os últimos recolledores (de feito no noso cancioneiro hai moitas pezas xa mutiladas pola falta de repetición); pero despois de nós aínda viñeron outros que atoparon as mesmas pezas, ás veces máis completas, e outras moitas novas.”
O patrimonio oral (2008), Antón Santamarina