Xacarandá (cast. jacarandá)

Jacaranda mimosifolia D. Don

Xacaranda

Familia:Bignoniaceae

Árbore semicaducifolia

Orixe: América do Sur, especialmente da Arxentina, de Bolivia, do Brasil e do Perú.

Porte e altura: aínda que normalmente mide entre 12 e 15 m, pode acadar os 20 m de altura. A copa é ampla, globosa e irregular, e as ramas medran erguidas e retorcidas.

Follas: de cor verde clara, son compostas e bipinnadas.

Flores: de cor intensa que vai do azul ao púrpura, con forma entre tubular e acampanada, pubescentes, dispostas en panículas terminais de 15 a 30 cm. Florecen na primavera ou a comezos do verán.

Froito: cápsula leñosa pedunculada, redondeada e comprimida, case plana; permanece durante todo o ano na árbore.

Outros datos: a súa cortiza é lisa nos primeiros anos, mais torna rugosa e gretada co tempo.

Utilidades e curiosidades: especie empregada en Galicia exclusivamente como árbore ornamental, moi decorativa pola súa espectacular floración de cor azulada ou púrpura, a cal ten lugar antes ou ao mesmo tempo que aparecen as follas tras o inverno. É habitual o seu uso en plantacións lineais en rúas, de forma illada ou en grupo. Perde as follas durante un curto período de tempo. A madeira pode empregarse en ebanistería ou carpintería. Cómpre ter en conta que son propensas a sufrir ataques de pulgón e a melaza que se produce mancha as beirarrúas nas que se plantan.

Necesidades e cultivo: árbore de crecemento medio-rápido; prefire solos ácidos e profundos para o bo desenvolvemento da raíz e unha boa drenaxe. Para poder florecer abundantemente precisan estar expostas ao sol. Son sensibles ás xeadas cando as plantas son novas. É recomendable unha poda de formación para que a árbore medre forte e con boa estrutura para evitar que as ramas quebren.