Salgueiro chorón (cast. sauce llorón)

Salix babylonica L.

Salgueiro chorón (cast. sauce llorón)

Familia:Salicaceae

Árbore caducifolia

Orixe: varía dependendo da ou do autor; a maioría coincide en que é orixinaria do leste de Asia, aínda que hai quen di que a especie é natural da antiga Persia (Irán) e do Cáucaso.

Porte e altura: árbore de entre 10 a 15 m de altura; de copa ampla e voluminosa e porte pendular, con ramas de cor amarela-alaranxada, longas, finas, flexibles e colgantes, que case chegan ata o chan.

Follas: lanceoladas, de 8 a 16 cm de lonxitude, alternas, co ápice acuminado, marxes lixeiramente dentadas, de cor verde media pola face e esbrancuxada polo envés.

Flores: amentos péndulos, cilíndricos de 2 a 5 cm de lonxitude, con flores de cor amarela clara que aparecen ao mesmo tempo que as follas ao rematar o inverno ou na primavera.

Outros datos: é unha árbore dioica, os amentos masculinos e femininos aparecen en árbores distintas. A súa cortiza está gretada.

Utilidades e curiosidades: moi usada tradicionalmente como planta ornamental en xardíns, pero, ao ser unha especie moi sensible a Armillaria, un fungo que reduciu considerablemente o número de exemplares, deixou de empregarse con tanta frecuencia. Moi decorativo polo seu porte pendular e pola cor amarela alaranxada das súas ramas, que na primavera se enchen de inflorescencias e follas novas.

Necesidades e cultivo: árbore de crecemento rápido, apta para plantar en parques e xardíns amplos. Require de moita auga e as súas raíces son moi vigorosas. Prefire solos húmidos, profundos e ricos en materia orgánica, así como exposicións soleadas ou de media sombra. Resiste ben o frío. Non é necesaria nin recomendable a poda para que manteña o seu porte chorón.