Roseira (cast. rosal)

Rosa sp.

Roseira

Familia:Rosaceae

Orixe: descoñécese a súa procedencia exacta porque é unha planta moi cultivada desde tempos antigos pero crese que é nativa de Asia.

Porte e altura: plantas arbustivas xeralmente espiñentas, algunhas rubideiras, con talos semileñosos, case sempre erectos, aínda que tamén os hai rastreiros.

Follas: poden ser perennes ou caducas, pecioladas, compostas e imparipinnadas, con folíolos de marxe serrada.

Flores: existe unha gran variedade de características morfolóxicas debido á alta capacidade de hibridación que ten.

Froito: trátase dun poliaquenio encerrado nun receptáculo carnoso, con forma oval de cor avermellada na súa madurez.

Utilidades e curiosidades: arbusto espiñento moi valorado a nivel comercial, sobre todo pola súa floración. De feito, é unha das flores máis populares do mundo, moi cultivada e documentada desde a antigüidade. Existen máis de 200 especies deste xénero e miles de cultivares diferentes, que nos ofrecen flores das máis variadas cores e tamaños e outras modificacións morfolóxicas.

Os seus pétalos son comestibles e teñen vitamina C. O aceite de rosa mosqueta, moi apreciado polas súas propiedades cicatrizantes, obtense de sementes de tres especies diferentes de rosa (Rosa canina, Rosa rubiginosa e Rosa moschata). A súa fragrancia úsase en gran cantidade de produtos cosméticos e perfumes. Ademais, ten propiedades medicinais.

Necesidades e cultivo: as roseiras son moi sensibles aos cambios de temperatura; na maioría dos cultivares o rango de temperatura óptimo oscila entre os 17 e os 25 ºC. As baixas temperaturas poden retrasar o crecemento da planta e incrementar o número de botóns cegos ou a deformación floral; aquelas excesivamente altas tamén reducen a floración e modifican o tamaño e a cor das flores. Necesita alta humidade e boa iluminación para que a floración sexa máis abundante, aínda que prefire exposicións de sombra parcial en zonas onde o sol teña moita intensidade para evitar as altas temperaturas. Prefire solos lixeiramente ácidos e húmidos, pero con boa drenaxe.