Romeu (cast. romero)

Rosmarinus officinalisL.

Romeu

Familia: Lamiaceae

Planta perenne

Orixe: rexión Mediterránea, norte e sur de África, e Asia occidental.

Porte e altura: planta arbustiva que acada entre os 50 e  os 100 cm de altura; erguida, moi ramificada; en cambio, a variedade ‘Postratus’ ten porte rastreiro de cobertura. Con raíces profundas e ben ancoradas ao terreo.

Follas: pequenas, sen pecíolo, lineares, coriáceas, de cor verde escura pola face e esbrancuxada polo envés.

Flores: pequenas, azuis, agrupadas en acios que medran na axila das follas. Planta moi melífera de floración extensa.

Utilidades e curiosidades: especie moi valorada; emprégase como planta ornamental, aromática, culinaria e medicinal. Úsase como condimento e para sazóns, para usos medicinais e cosméticos en multitude de produtos e con distinta finalidade, como aroma para perfumes a partir da extracción de aceites esenciais, como repelente de insectos... En xardinería adoita usarse para crear xardíns de aromáticas, macizos arbustivos e bordos.

Necesidades e cultivo: prefire exposicións soleadas, con solos ben drenados. Non é exixente co tipo de solo nin coa temperatura; ademais, tolera a salinidade e non necesita rega frecuente. É recomendable podala con frecuencia para manter o seu vigor,  e evitar o exceso de brotes leñosos para darlle prioridade á aparición de brotes novos e favorecer unha forma compacta.