Pradairo (cast. arce blanco, falso plátano)
Acer pseudoplatanus L.
Familia:Sapindaceae
Árbore caducifolia
Orixe: do sur e do centro de Europa ata Asia Menor. Na península ibérica aparece de forma espontánea nos Pireneos, na cordilleira Cantábrica, en Galicia e no norte de Portugal.
Porte e altura: pode acadar os 20 e os 30 m de altura, de copa densa, algo irregular e tronco recto.
Follas: caducas, de tamaño medio, opostas, palmatilobadas (con cinco lóbulos agudos desiguais), marxe dentada ou lixeiramente serrada, de cor verde escura pola face e máis clara ou branca polo envés, con pecíolo de cor amarela ou avermellada.
Flores: inflorescencia en acios terminais colgantes. Non teñen moito valor ornamental.
Froito: colgante, disposto en acios terminais, composto por dúas sámaras unidas entre si, que forman un ángulo entre agudo e obtuso; permanece na árbore certo tempo despois de caer a folla.
Outros datos: a súa cortiza é lisa e agrisada ao principio, pero cos anos tórnase rugosa e gretada, e despréndese en placas. As súas follas son semellantes ás do plátano de sombra, de aí o seu nome común de “falso plátano”.
Utilidades e curiosidades: especie autóctona que tamén se emprega como árbore ornamental en parques e xardíns. A madeira é branca e dura, doada de traballar, moi apreciada en ebanistería, carpintería e tornería. Emprégase para fabricar mobles, instrumentos de corda, tacos de billar, tarimas, culatas de armas de fogo e utensilios domésticos. Tamén se usa polas súas propiedades medicinais. Hai variedades de follas vermellas e púrpuras coma ‘Atropurpureum’ e ‘Purpureum’.
Necesidades e cultivo: adáptase ben a moitos tipos de solo, aínda que os prefire profundos, húmidos, pero ben drenados e fértiles. Medra mellor en exposicións soleadas ou de media sombra, e tolera ben a contaminación atmosférica e a salinidade.