Polígala (cast. polígala, lechera del Cabo)
Polygala myrtifolia L.
Familia:Polygalaceae
Arbusto perenne
Orixe: África do Sur
Porte e altura: arbusto ou pequena árbore que pode acadar os 3 m de altura, moi ramificada, con talos leñosos erguidos que conforman unha pequena copa redondeada ou irregular.
Follas: de entre 25 e 50 mm, con forma elíptica ou entre elíptica e lanceolada, e de cor verde clara.
Flores: agrupadas en inflorescencias nos extremos dos brotes, de cor malva ou púrpura, con dous pétalos unidos que forman un ángulo aberto e semellan as ás dunha bolboreta, e un rechamante penacho de estames de cor máis clara. Floración de longa duración que en climas suaves pode prolongarse durante case todo o ano, aínda que a máxima produción coincide coa primavera.
Froito: cápsula pequena e alada.
Utilidades e curiosidades: especie de rápido crecemento moi apreciada en xardinería pola súa rusticidade e a súa floración. Pode empregarse como exemplar illado, en macizos arbustivos ou para formar sebes.
Necesidades e cultivo: resiste moi ben as altas temperaturas, a seca, a salinidade e as xeadas, se estas son lixeiras e non continuadas. Prefire a exposición solar directa. En climas mediterráneos pode florecer practicamente todo o ano. Non é moi exixente co tipo de solo, pero prefire os neutros ou alcalinos e con boa drenaxe.