Podocarpo de follas de adelfa (cast. podocarpo de hojas de adelfa)
Podocarpus neriifolius D. Don
Familia: Podocarpaceae
Arbusto perennifolio
Orixe: desde o Himalaia ata China, sueste de Asia e Nova Guinea.
Porte e altura: pode acadar os 20 m de altura, coa copa aberta, redondeada ou piramidal algo irregular.
Follas: alternas, pecioladas, coriáceas, lanceoladas, de 10 a 25 cm de lonxitude, de marxe lisa e ápice apuntado ou acuminado, de cor verde escura moi brillante pola face e máis clara polo envés.
Froito: xorde asentado nun pé carnoso; ao principio ese pé é máis pequeno que a semente e de cor verde azulada, e logo aumenta de tamaño e adquire unha cor avermellada.
Outros datos: a súa cortiza é fibrosa, de cor parda agrisada. É unha especie de crecemento lento. O seu nome xenérico deriva do grego podos ‘pé’ e karpos ‘froito’, debido aos seus froitos que medran sobre un pé carnoso. É unha conífera.
Utilidades e curiosidades: especie cultivada polo seu valor como planta ornamental. A súa madeira é lixeira e amarelenta, de boa calidade, e emprégase en carpintería e para construír embarcacións, mobles, instrumentos musicais, tallas etc.
Necesidades e cultivo: non é unha especie moi exixente, pero desenvólvese mellor en solos ácidos, lixeiros, ben drenados e ricos en materia orgánica. Non resiste ben a seca pero pode soportar xeadas febles. Tolera a poda.