Pieris (cast. pieris, andrómeda)
Pieris japonica (Thunb.) D. Don ex G. Don
Familia:Ericaceae
Arbusto perenne
Orixe: zonas montañosas do Xapón, da China e de Taiwán, onde medra como planta de sotobosque.
Porte e altura: pode acadar unha altura de 4 ou 5 m; porte arbustivo moi ramificado e denso.
Follas: lanceoladas, de ápice acuminado e base aguda, e marxe serrada, de cor verde clara homoxénea ou variegada pola face e esbrancuxada polo envés. As follas novas son de cor avermellada ou alaranxada dependendo da variedade.
Flores: pequenas e abundantes, con forma acampanada cerrada ou de farolillo, de cor branca ou rosada con textura cerosa, dispostas en longos acios ou panículas colgantes. Florece na primavera.
Utilidades e curiosidades: de uso exclusivamente ornamental, adoita atoparse en macizos arbustivos ou como exemplar illado. Hai que ter en conta que é unha planta velenosa se se consome.
Necesidades e cultivo: prefire solos ácidos e húmidos, aínda que é moi sensible aos encharcamentos, polo que é necesario un solo con boa drenaxe. Resiste as xeadas e prefire exposicións de sombra parcial; a poda só é necesaria se quere manterse con porte de arbusto pequeno.