Metasequoia

Metasequoia glyptostroboides Hu & W.C.Cheng

Metasequoia

Familia: Cupressaceae

Árbore caduca

Orixe: especie orixinaria da China.

Porte e altura: pode alcanzar de 30 a 40 m de altura e a súa copa é cónica e estreita.

Follas: aciculares, aplanadas, tallas (de 8 a 20 mm) e caedizas. A cara superior é verde glauca e o envés de cor amarelada. No outono adquiren unha coloración laranxa-avermellada.

Froito: conos subglobosos, pequenos (2,5 cm), formados por escamas leñosas.

Outros datos: a súa cortiza é de cor agrisada escura.

Utilidades e curiosidades: está considerado un fósil vivente, xa que se atoparon representantes fósiles deste xénero de hai máis de 50 millóns de anos pertencentes a diferentes especies. Metasequoia glyptostroboides é a única especie do xénero Metasequoia que chegou ata os nosos días; considerouse extinta durante moito tempo, ata que en 1943 se descubriu un exemplar vivo na China. Tras a súa identificación en 1947, enviáronse sementes desta árbore a Europa. A Metasequoia que crece no pazo de Lourizán procede destas primeiras sementes; plantouse en 1951 e forma parte do Catálogo galego de árbores senlleiras.

Necesidades e cultivo: é unha especie de rápido crecemento. Prefire climas cálidos (aínda que resiste ben o frío), exposición ao sol ou sombra parcial e solos lixeiramente ácidos e ben drenados.