Mahonia (cast. mahonia, uvas de Oregón)

Mahonia aquifolium (Pursh) Nutt.
Sinónimo: Berberis aquifolium Pursh

Mahonia

Familia: Berberidaceae

Arbusto perenne

Orixe: oeste dos Estados Unidos.

Porte e altura: planta arbustiva que pode acadar os 2 m cando se deixa medrar libremente.

Follas: coriáceas, de marxes espiñentas, alternas, de cor verde escura brillante que varía a unha tonalidade avermellada-púrpura, dependendo do cultivar, no outono e no inverno.

Flores: dispostas en acios erguidos, moi pequenas, de cor amarela moi vistosa. Florece ao rematar o inverno.

Froitos: bagas alongadas, de forma elíptica, de cor púrpura ou negra azulada, comestibles pero de pouca calidade. Frutifica na primavera.

Utilidades e curiosidades: planta de interese ornamental, pode cultivarse tanto en testo coma en terra, como exemplar illado, en macizos arbustivos ou incluso en sebes.

Necesidades e cultivo: é unha especie de crecemento medio-lento; desenvólvese en todo tipo de solos, sen ningún requirimento especial para o seu cultivo, aínda que os prefire ben drenados, con humidade e materia orgánica, e exposicións protexidas do sol directo; medra incluso en zonas de sombra total. Soporta ben as xeadas.