Magnolio

Magnolia grandiflora L.

Magnolio

Familia: Magnoliaceae

Árbore perennifolia

Floración: primavera-verán

Orixe: sueste dos Estados Unidos.

Porte e altura: pode acadar os 25 m de altura e o seu porte natural é cónico ou piramidal. A súa copa é ampla, densa e escura.

Follas: alternas, simples, coriáceas, de gran tamaño (20 cm). A parte superior é de cor verde brillante e o envés tomentoso, que presenta pelos de cor parda avermellada que o cobren na súa totalidade, dándolle un aspecto sedoso.

Flor: aromática, grande, de ata 20 cm de diámetro, de cor branca.

Froito: de gran tamaño (ata 15 cm), con aspecto de piña, conformados por folículos tomentosos agrupados en torno a unha estrutura leñosa. As sementes son de cor negra e presentan unha cuberta carnosa de cor vermella brillante.

Outros datos: a súa cortiza é lisa, de cor gris escura nos exemplares novos, e gretada e escamenta nos exemplares vellos.

Utilidades e curiosidades: árbore robusta e lonxeva, de interese ornamental polo seu porte e pola beleza das súas flores e das súas grandes follas brillantes, é moi empregada en xardinería e a súa madeira é moi apreciada nos Estados Unidos, onde se utiliza en carpintería.

Necesidades e cultivo: sensible a fríos intensos e prolongados e á secura ambiental. Desenvólvese ben en lugares cálidos, terreos ácidos ou neutros, profundos e ben drenados con abundante materia orgánica. Prefire unha exposición a sombra parcial e estar ao resgardo de fortes ventos.