Loureiro
Laurus nobilis L.
Familia: Lauraceae
Árbore perennifolia
Especie dioica
Floración: de febreiro a abril
Orixe: está estendida por tódolos países da rexión mediterránea. É difícil precisar a súa área de orixe, xa que se cultiva desde a antigüidade, estendéndose e naturalizándose en moitas zonas.
Porte e altura: arbusto ou arboriña que pode acadar ata os 10 metros de altura, a súa copa é densa e o seu porte natural é piramidal. O seu tronco é de codia lisa e agrisada.
Follas: textura coriácea, con forma oblongo-lanceolada, de 5 a 10 cm de lonxitude, estreitas, glabras, con ápice agudo, marxe liso ou lixeiramente ondulado; teñen unha cor verde escura brillante pola parte superior e máis pálida polo envés.
Flor: especie dioica; as flores son de cor branca verdosa ou amarelenta, pequenas, dispostas en umbelas axilares, as masculinas con 12 estames e as femininas con 2-4 estaminodios.
Froito: drupáceo, aceitoso; de cor verde clara que se torna negra ao madurar. Contén unha única semente.
Utilidades e curiosidades: as súas follas, secas ou frescas, son utilizadas como condimento culinario polos seus aceites esenciais, que lle confiren un peculiar aroma. Os romanos empregábano nas chamadas coroas triunfais, para agasallar a aqueles que acadaban unha distinción de excelencia no ámbito da educación, cultura ou deporte. Laurus é o nome que lle deron os romanos e nobilis significa nobre. Esta especie é usada tamén como planta ornamental. Aguanta moi ben a poda e pode empregarse como planta formadora de sebes. A súa madeira é dura, pesada e aromática.
Necesidades e cultivo: medra ben con sol ou a media sombra. Non é unha especie esixente co solo, sempre que haxa unha boa drenaxe. É unha planta moi resistente e de rápido crecemento.