Lodoeiro (cast. almez)
Celtis australis L.
Familia:Cannabaceae
Árbore caducifolia
Orixe: rexión mediterránea, sur de Europa, sueste de Asia e norte de África.
Porte e altura: pode acadar os 25 m de altura, de tronco recto e copa ampla e redondeada con ramas que se tornan grosas e erectas.
Follas: caducas, simples, alternas, pecioladas, de cor verde escura mate pola face e máis claras ou esbrancuxadas polo envés, con forma oval-oblonga a ovado-lanceolada, de entre 5 e 15 cm de longo, base asimétrica, marxe serrada ou dentada e ápice acuminado.
Flores: pequenas e pouco vistosas, aparecen ao mesmo tempo que os brotes novos de primavera, longamente pedunculadas (de 2 a 8 cm); as masculinas en grupos de 2 ou 3, na base das ramas do ano anterior e as hermafroditas solitarias, na axila das follas.
Froito: drupa pequena, subglobosa, de cor verdosa ao principio que escurece ata case ao negro ao madurar. Permanece na árbore ata o inverno. Chámanse “celtinas”.
Outros datos: a súa cortiza é lisa e agrisada ao principio e grétase finamente cos anos.
Utilidades e curiosidades: a súa madeira compacta e elástica emprégase en tonelería e para fabricar utensilios como forcas e bastóns. Os seus froitos son comestibles e úsanse para elaborar licores artesanais; tamén son moi útiles para aumentar a presenza de paxaros nos parques, xa que se alimentan deles. A súa follaxe serve de alimentación para o gando. O seu uso máis estendido é como árbore ornamental, como exemplar illado, pero, sobre todo, en aliñacións. Nos últimos tempos anos usouse con frecuencia para substituír os olmos. É unha especie lonxeva.
Necesidades e cultivo: árbore de baixo mantemento, tolera ben todo tipo de solos; tamén resiste a seca e a contaminación. O seu sistema radicular é profundo. Prefire exposicións a pleno sol e soporta ben o vento. A poda non é necesaria; de feito, non a acepta ben e adoitan saírlle cavidades.