Hortensia paniculata (cast. hortensia paniculata)
Hydrangea paniculata Siebold
Familia: Hydrangeaceae
Arbusto caducifolio
Orixe: rexións temperadas e subtropicais do Xapón e da China.
Porte e altura: porte arbustivo moi ramificado; pode acadar os 8 m de altura, aínda que é máis habitual vela con portes máis baixos debido á poda realizada para favorecer a floración.
Follas: grandes, dispostas normalmente en pares opostos, con forma oval, de marxe serrada e ápice apuntado.
Flores: pequenas, con 4 ou 5 sépalos brancos, crema ou rosados, dependendo da variedade, dispostas en panículas en forma de cono, que é o que distingue esta especie doutras hortensias. As inflorescencias son de longa duración, desde o verán ata o outono.
Outros datos: existen moitos cultivares; entre os máis coñecidos podemos destacar ‘Grandiflora’, ‘Limelight’, ‘Vanille-Fraise’, ‘Pinky Winky’, ‘Big Ben’ ou ‘Floribunda’.
Utilidades e curiosidades: adoitan empregarse como exemplares illados ou en grupos, normalmente en esquinas ou próximas a muros ou peches de leiras.
Necesidades e cultivo: medra en solos fértiles ricos en materia orgánica, húmidos pero ben drenados. Prefire exposicións a pleno sol ou sombra parcial en zonas protexidas do vento. É recomendable unha poda ao rematar o inverno para favorecer a floración.