Evónimo, boneteiro (cast. evónimo, bonetero)

Euonymus japonicus Thunb.

Evonimo boneteiro

Familia:Celastraceae

Arbusto perenne

Orixe: Xapón, Corea e China.

Porte e altura: arbusto moi ramificado e tupido que pode acadar os 8 m, aínda que normalmente emprégase como arbusto baixo sometido a poda e recorte.

Follas: de tamaño medio, de 3 a 7 cm de longo, opostas, ovaladas, de marxe dentada, ápice agudo ou redondeado e cor verde brillante, aínda que estas características varían dependendo da variedade ou do cultivar; por exemplo, algúns presentan fermosas variegacións que mesturan o verde, o amarelo e o branco en distintos tons, coma ‘Albomarginatus’, ‘Aureus’ ou a variedade ‘Microphylla’, que é de cor verde, pero as súas follas, como o seu nome indica, teñen un tamaño moito máis pequeno, e con forma entre elíptica e lanceolada.

Flores: moi pequenas, pedunculadas e de cor branca verdosa. Dispostas en cimas de ata 12 flores. Florecen ao rematar a primavera ou a principios do verán. Non posúen moito valor ornamental.

Froito: capsulares, globosos, de cor verde, que ao madurar se torna dunha cor vermella moi vistosa.

Utilidades e curiosidades: moi empregado en xardinería pola súa follaxe brillante de vistosas cores, para formar sebes, en grupos arbustivos ou como exemplares illados. Os froitos teñen forma de bonete de cura, de aí vén o seu nome común de “boneteiro”.

Necesidades e cultivo: é unha especie que medra a pleno sol ou en zonas de sombra parcial. Adáptase ben a moitos tipos de solo, pero crece mellor cando este é rico en materia orgánica e está ben drenado. Soporta o frío e a exposición ao vento, e tolera a salinidade. Admite a poda e os recortes.