Estripeiro (cast. espino albar, majuelo)
Crataegus monogyna Jacq
Familia: Rosaceae
Árbore caducifolia
Orixe: gran parte de Europa, de Asia e do norte de África.
Porte e altura: pode acadar os 10 m de altura; o seu porte é redondeado ou irregular; as súas ramas, espiñentas.
Follas: pequenas, lobuladas, de cor verde clara brillante pola face e algo máis claras polo envés.
Flores: de cor branca, con cinco pétalos, dispostas en grupos de 9 a 18 unidades ao final das ramiñas axilares. Florece a finais do inverno ou comezos da primavera.
Froito: redondeado, de cor vermella.
Outros datos: a súa cortiza é lisa e agrisada.
Utilidades e curiosidades: como ornamental interesa como exemplar illado pola súa abondosa floración e pola súa rechamante frutificación de cor vermella, pero tamén se emprega para formar sebes espiñentas para separar leiras. Existen variedades con flores de cor rosa ou vermella e con máis pétalos, que forman flores máis completas. Os seus froitos son comestibles, cun alto contido en vitamina C, pero pouco saborosos; serven para alimentar as aves. Tradicionalmente, esta especie utilízase moito en Galicia como padrón para enxertar froiteiras pertencentes á mesma familia, coma pereiras, maceiras etc. A súa madeira é pesada e dura. A súa cortiza e as súas flores teñen propiedades medicinais.
Necesidades e cultivo: é unha planta rústica que non precisa de moitos coidados; medra ben en solos ácidos ou alcalinos e resiste a seca e o frío. Tolera a poda.