Eriostemon (cast. eriostemon, flor de cera)
Eriostemon myoporoidesDC.
Familia: Rutaceae
Planta perenne
Orixe: Australia.
Porte e altura: pequeno arbusto que pode acadar os 2 m de altura; os seus talos son rugosos.
Follas: pequenas, lanceoladas, co ápice redondeado, lixeiramente dobradas sobre si mesmas a partir do nervio central, de cor verde brillante. Son fragrantes, presentan glándulas que conteñen aceites esenciais.
Flores: pequenas, de arredor de 2 cm, de aspecto ceroso y forma estrelada, con cinco pétalos de cor branca pola cara interna e rosados pola externa; os estames son de cor rosa alaranxada e os botóns florais, rosas. Están dispostas en grupos de 3 a 5 unidades nas axilas das follas. Son moi fragrantes, desprenden un agradable aroma. A floración é abundante e duradeira, comeza ao rematar o inverno e pode estenderse ata o outono.
Froito: pequena cápsula dehiscente.
Utilidades e curiosidades: o seu uso nos xardíns é exclusivamente ornamental; pódese empregar como exemplar illado, para formar macizos arbustivos, en rocallas ou en testo.
Necesidades e cultivo: é unha especie que medra ben en solos lixeiros, con boa drenaxe e a pleno sol, aínda que pode soportar exposicións de sombra parcial. Resiste a seca e o frío. Non admite ben a poda; de ser necesaria, esta debe ser suave.