Érbedo

Arbutus unedo L.

Arbutus unedo L.

Familia: Ericaceae

Árbore perennifolia

Floración: en primavera e outono

Orixe: nativo da rexión mediterránea ata o suroeste de Irlanda e Asia Menor

Porte e altura: de porte arbustivo, pode acadar os 10 m de altura.

Follas: de ata 12 cm de lonxitude, perennes, coriáceas, glabras, de marxe serrado, de forma oval ou obovada, coa parte superior verde brillante e o envés máis pálido.

Flor: de cor branca verdosa, dispostas en panículas terminais colgantes. Florece habitualmente en primavera, aínda que tamén pode facelo durante o outono, ao mesmo tempo que ten lugar a frutificación.

Froito: de 2-3 cm de diámetro, globoso, coa superficie granulosa e de cor vermella-alaranxada. Chámase morote ou amorodo e contén numerosas sementes. Maduran en outono ao segundo ano de formarse.

Utilidades e curiosidades: especie de interese ornamental pola súa brillante follaxe e as súas flores e froitos. Os seus froitos son comestibles, pero se se consumen maduros poden producir unha sensación de mareo ou de suave borracheira, xa que conteñen unha pequena cantidade de alcol, polo que cómpre que se consuma en pequenas cantidades e ter especial precaución cos nenos. A etimoloxía unedo quere dicir “comer só un”. Empréganse para elaborar marmeladas e confeituras, conservas, licores ou vinagre, e para aromatizar augardente ou anís. Son alimento dunha numerosa fauna, que exerce de dispersora das sementes. A súa madeira é dura e pesada, boa para traballala e usala en ebanistería e tornaría ou como combustible. É o símbolo da cidade de Madrid. En Canarias compórtase como unha especie invasora.

Necesidades e cultivo: pode medrar tanto en zonas costeiras coma no interior e resiste ben temperaturas mínimas de ata -18ºC. Esta especie está recomendada para repoboacións forestais, xa que medra con gran rapidez tras un incendio e rebrota con facilidade. Soporta ben a seca.