Cufea (cast. cufea, trueno de Venus)
Cuphea hyssopifolia Kunth
Familia:Lythraceae
Planta perenne
Orixe: zonas tropicais de América do Sur.
Porte e altura: pequeno arbusto, moi ramificado, que apenas supera o medio metro de altura.
Follas: pequenas, de 1 a 2 cm de longo, con forma lanceolada.
Flores: de cor branca, rosa ou púrpura, medran nas axilas. Floración extensa, desde a primavera ata o outono, e moi abundante.
Utilidades e curiosidades: o seu uso nos xardíns é exclusivamente ornamental; pódese empregar para formar macizos arbustivos, en rocallas ou en testo. Na súa zona de orixe tamén se usa polas súas propiedades medicinais ou insecticidas. Ademais, as súas sementes son moi ricas en ácidos graxos e utilízanse como axente antiespumante en xabóns e deterxentes, e en cosmética.
Necesidades e cultivo: é unha especie de rápido crecemento que se propaga con moita facilidade a partir de sementes que xerminan espontaneamente ao redor dos exemplares plantados. Non é exixente co tipo de solo, pero medra mellor naqueles con abundante materia orgánica e ben drenados. É unha planta que necesita bastante humidade, xa que é moi sensible á seca. Prefire exposicións a pleno sol e non resiste ben o frío continuado, xa que lle fai perder as follas. Recoméndase unha poda lixeira de saneamento a finais do inverno para retirar as ramiñas secas.