Clivia (cast. clivia)
Clivia miniata(Lindl.) Bosse
Familia: Amaryllidaceae
Planta perenne
Orixe: África do Sur.
Porte e altura: planta herbácea de ata 50 cm de altura que carece de tronco e talos, xa que as follas medran directamente desde o solo; as súas raíces son moi carnosas.
Follas: aplanadas, grosas, de cor verde escura brillante, de ata 50 cm de longo e 5 cm de ancho, e co ápice redondeado. Medran ergueitas e dispostas en abanico.
Flores: entre as follas emerxen talos florais e na punta, dispostas en umbelas, xorden entre unhas 10 e 20 flores formadas por seis pétalos grosos, de cor alaranxada co centro branco e amarelo, e seis vistosos estames de cor amarela alaranxada. Existen cultivares de diferentes cores que van desde o crema ata o laranxa, pasando polo amarelo. Florece a finais do inverno ou a principios da primavera e continúa ata o verán.
Froito: baga carnosa de cor vermella ao madurar, moi vistosa.
Utilidades e curiosidades: é unha planta moi decorativa, tanto pola súa floración coma polas súas follas ou incluso polos seus froitos. É moi popular como planta de interior, pero tamén pode formar parte de xardíns en zonas de climas tépedos. Florece mellor cando as súas raíces se atopan apertadas, por iso é recomendable plantala en testos ou espazos reducidos, coma nos parterres que se atopan nos bordos dos xardíns.
Necesidades e cultivo: planta de cultivo doado; precisa de solos ben drenados, xa que son plantas sensibles ao encharcamento, e de luz, aínda que prefire espazos a media sombra porque unha exposición a pleno sol queima as súas follas. Debe estar protexida das xeadas, pois non resiste ben o frío. É adecuado plantala baixo algún outro arbusto ou árbore para que a protexa do frío e do sol.