Ciprés de Lawson
Chamaecyparis lawsoniana (A. Murray bis) Parl.
Familia: Cupressaceae
Árbore perenne
Orixe: noroeste dos Estados Unidos, onde forma bosques espesos nas montañas de Oregón e no norte de California
Porte: é unha árbore de grande envergadura; pode acadar os 60 m de altura e a súa copa é cónica coa guía terminal inclinada
Follas: con forma de escamas, dispostas en catro fileiras de cor verde clara ou verde azulada, coa cara inferior lixeiramente esbrancuxada. Presentan unha glándula resinosa no dorso que se pode apreciar a contraluz
Froito: cono globoso, de pequeno tamaño, cun diámetro de 0,7 a 1 cm. As súas sementes son aladas
Outros datos: a súa casca presenta gretas lonxitudinais, profundas e irregulares
Utilidades: a súa madeira é lixeira, aromática e duradeira. É unha especie moi empregada en repoboacións forestais debido a que crece rapidamente. Nos nosos parques e xardíns dispóñense como exemplares illados ou ben formando aliñacións cortaventos. É unha especie de gran valor ornamental da que se obtiveron máis de 200 cultivares ('Pendula', 'Fraseri', 'Ellwoodii'…). A especie descubriuse en 1824 e introduciuse en España a finais do século XIX. Son árbores moi lonxevas
Necesidades: requiren climas húmidos, aínda que non se desenvolven ben en zonas costeiras. Non resisten ben a seca. O seu crecemento é bastante rápido e prefiren as zonas de sombra para medrar