Ciprés común (cast. ciprés común)
Cupressus sempervirens L.
Familia: Cupressaceae
Árbore perenne
Orixe: a área de distribución orixinal non está ben determinada, dado que é unha especie moi cultivada xa desde a antigüidade. Créese que é nativa do Mediterráneo oriental (Irán, Siria, Chipre...) e que foi o pobo romano o que estendeu o seu uso arredor das súas vilas.
Porte e altura: pode acadar os 30 m de altura. O porte varía dependendo do cultivar; o máis habitual é o columnar ou piramidal.
Follas: escuamiformes, aplanadas, de 0,5 a 1 mm de lonxitude, opostas.
Froito: conos con forma globosa-elíptica, de 2 a 4,5 cm de lonxitude, con entre 8 e 14 escamas cos mucróns pouco aparentes. Maduración bianual.
Outros datos: a súa cortiza é pardo agrisada e finamente estriada lonxitudinalmente.
Utilidades e curiosidades: especie moi estendida por toda Europa, empregada en xardinería en plantacións lineais para crear barreiras visuais e como cortaventos, en sebes ou como elementos individuais. É unha especie moi lonxeva; pode acadar os 500 anos. Foi unha árbore moi usada nos cemiterios do sur de Europa, xa desde a época dos gregos e dos romanos, por considerarse un símbolo de inmortalidade. A súa madeira é dura e resistente, de gran fino e aromática, moi apreciada en ebanistería, tornería e artesanía, e para fabricar instrumentos musicais de corda, entre outros.
Na Idade Media usouse para elaborar cofres, xa que o seu arrecendo impregnaba a roupa que se gardaba nel. O pobo fenicio construíu con ela a súa armada e o exipcio, algúns sarcófagos, e tamén se usou nas portas da catedral de San Pedro. Segundo a lenda, utilizouse na construción da Arca de Noé.
Necesidades e cultivo: é moi resistente á seca e a temperaturas extremas; medra ben en exposicións a pleno sol e admite todo tipo de solos, excepto os moi salinos e constantemente encharcados. Admite moi ben a poda.