Cimbro, xenebreiro (cast. enebro)

Juniperus sp.

Cimbro xenebreiro

Familia:Cupressaceae

Arbusto perenne

Orixe: hemisferio norte.

Porte e altura: conífera de folla perenne que parte dun só tronco ou con varios troncos desde a base dependendo da especie.

Follas: en pares ou tríos alternos, de dous tipos: aciculares ou en forma de pequenas escamas apertadas e imbricadas (nalgunhas especies coinciden ambos os dous sobre unha mesma ramiña).

Froito: cono pequeno en forma de baga elipsoidal ou esférica de diferentes cores dependendo da especie.

Outros datos: as especies pertencentes ao xénero Juniperus repártense en dúas seccións, chamadas comunmente os xenebreiros e as sabinas. A diferenza reside en que os primeiros conservan o seu follaxe xuvenil espiñento durante toda a súa vida, mentres que os segundos só o teñen os primeiros anos.

Utilidades e curiosidades: cortiza fibrosa, xeralmente gretada. Hai moitas especies e variedades que se empregan como planta ornamental en xardíns, como plantas illadas ou en conxuntos arbustivos e rocallas. O froito do xenebreiro, chamado nebrina, úsase para aromatizar a xenebra e tamén múltiples pratos culinarios; en cambio, o froito da sabina e en xeral toda a planta son tóxicos, polo que é moi importante identificalos correctamente. A madeira ten un veado avermellado irregular e é moi valorada pola súa longa duración e resistencia.

Necesidades e cultivo: non son exixentes, aínda que as necesidades dependerán da especie en concreto.