Cedro de incenso (cast. cedro de incienso, libocedro)
Calocedrus decurrens (Torr.) Florin
Familia:Cupressaceae
Árbore perenne
Orixe: Estados Unidos, desde Oregón ata California e Baixa California (México).
Porte e altura: pode acadar entre os 50 e os 60 m de altura, e a súa copa é columnar ou piramidal. Coa idade vai adquirindo un característico porte en forma de candelabro, debido a que as ramas inferiores se arquean cara arriba.
Follas: escuamiformes, imbricadas, que lles dan ás ramiñas unha aparencia de articulación; as aplanadas están dispostas en abano.
Froito: conos terminais, solitarios en ramiñas colgantes, pequenos, formados por escamas leñosas e de cor marrón avermellada ao madurar.
Outros datos: a súa cortiza de cor marrón avermellada é moi rugosa e está marcada con profundas fendas. É característico que esta se vaia desprendendo en grosas tiras nos exemplares máis vellos. Ten unha alta tolerancia ao lume.
Utilidades e curiosidades: en Galicia non é unha especie frecuente en repoboacións forestais, polo que o seu uso é ornamental. O cultivar ‘Aureovariegata’ é un dos máis empregados en xardinería; este amosa unha follaxe verde intensa cos extremos tinguidos dunha vistosa cor amarela dourada. É unha especie lonxeva; o maior exemplar inventariado en Galicia atópase no pazo de Torrecedeira (Redondela). A súa madeira emprégase para revestimentos en exteriores, paneis, valos e marcos pola súa resistencia á flexión e tamén na pasta de papel e especialmente para fabricar lapis en América do Norte. É unha madeira apreciada polas e polos escultores pola súa estrutura homoxénea e pola súa facilidade para tallala. A súa cortiza úsase como incenso e as follas desprenden un agradable olor a trementina cando se apertan.
Necesidades e cultivo: é unha conífera de crecemento medio; aínda que admite solos ácidos e alcalinos, prefíreos profundos, fértiles e ben drenados. Recoméndase plantala con suficiente espazo e luz para que o tronco medre recto. Desenvólvese mellor en semisombra, especialmente durante os primeiros anos. Non debe plantarse en zonas con céspede, pois vese prexudicada pola rega frecuente, nin tampouco en lugares ventosos. É unha especie sensible á contaminación ambiental e moi resistente á seca.