Castiñeiro (cast. castaño)

Castanea sp.

Castiñeiro

Familia:Fagaceae

Árbore caducifolia

Orixe: rexións temperadas do hemisferio norte.

Porte e altura: pode acadar os 30 m de altura; a súa copa é ampla.

Follas: caducas, alternas, cos nervios ben marcados e de bordo dentado ou serrado.

Flores: é un xénero monoico con flores unisexuais. As masculinas son longos amentos erectos; as femininas están dispostas na base do dicasio masculino sobre un longo pedúnculo. Florecen de maio a xuño.

Froito: denominado castaña, ten unha casca forte e flexible, e está contido nunha envoltura ou protuberancia espiñenta que abre ao madurar.

Utilidades e curiosidades: achega valor ecolóxico, produtivo, paisaxístico e monumental. A súa madeira de cor amarelenta é de moi boa calidade, de dureza media, elástica e flexible. Emprégase para fabricar mobles e en construción, ebanistería, tonelería etc. Hai especies ou híbridos que producen boa madeira e outros que son mellores produtores de froito. É un xénero moi lonxevo que pode superar os 500 anos. Hai varios exemplares de castiñeiro en Galicia incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras. Tamén se usa con fins ornamentais e funciona ben como árbore de sombra, pero cultívase e coñécese máis pola produción de castaña, froito moi valorado a nivel culinario. Existen varias crenzas ou teorías de como chegou o castiñeiro a Galicia e incluso hai quen di que realmente é de aquí, xa que, aínda que a maioría das e dos autores defenden que foi introducido na península ibérica polos romanos, recentes estudos de pole fósil indican que xa estaba presente antes das últimas glaciacións.

A especie máis común en Galicia é Castanea sativa, aínda que no último século introducíronse outras, coma o castiñeiro xaponés C. crenata para loitar contra a enfermidade da tinta que, xunto coa enfermidade do cancro, reduciu drasticamente a poboación de castiñeiros autóctonos. Os híbridos entre varias especies, que buscaban unha resistencia a estas enfermidades, deron cabida a moitas novas repoboacións forestais de Galicia.

Necesidades e cultivo: desenvólvese ben en climas tépedos, frescos e húmidos, entre os 500 e os 1.200 m de altitude, aínda que tamén pode cultivarse a nivel do mar. Necesita moito espazo para desenvolver a súa ampla copa. Prefire solos ácidos, profundos e húmidos, pero ben drenados e ricos en materia orgánica. Resiste ben as baixas temperaturas do inverno, pero tolera mal a seca e as xeadas primaverais ou tardías, xa que afecta a produción de novos brotes e froitos. As árbores novas non medran ben en exposicións soleadas.