Camelia xapónica ‘K. Sawada’
Camellia japonica ‘K. Sawada’
Familia: Theaceae
Arbusto perenne
Floración no inverno e na primavera
Orixe: orixinada por Overlook Nursery en Alabama (EUA), a partir dunha semente importada do Xapón.
Porte e altura: arbusto compacto e de porte erguido.
Follas: escuras, de 8 a 10 ,5 cm de longo e entre 4 e 4,5 cm de ancho, con forma elíptica a lanceolada, marxe lixeiramente serrada e ápice acuminado a cuspidado.
Flores: grandes, de 10 a 12 cm de diámetro, dobre imbricadas, ás veces semidobres, de cor branca pura, con entre 50 e 70 pétalos elípticos, coa marxe lisa e incisa. Ás veces, cando a flor está completamente aberta, ten algúns petaloides e estames con filamentos brancos.
Outros datos: florece desde xaneiro ata maio.
Usos e curiosidades: utilízase como planta ornamental. A planta orixinal floreceu por primeira vez en 1933. Coñécese tamén como ‘Silver Moon’.
Necesidades e cultivo: é propia de climas temperados e húmidos, con choivas abundantes. Crece mellor á sombra e ao abrigo de árbores máis altas, en solos ácidos, ricos en materia orgánica e ben drenados. Aínda que non require unha poda anual, responde moi ben a ela, e é necesaria cando se quere facer a planta máis compacta e arbustiva ou para darlle unha determinada forma.