Bidueiro
Betula pubescens Ehrh. (syn. Betula alba L.)
Familia: Betulaceae
Árbore caducifolia
Floración primaveral
Orixe: norte e centro de Asia e Europa.
Porte e altura: acada os 25 m de altura. As súas ramas están dispostas horizontalmente.
Follas: simples, con forma romboidal, ocasionalmente con forma de corazón ou triangular, con marxe irregularmente dentada ou dobremente serrada. Envés con pelos nas nerviacións. Pecíolo pubescente.
Flores: dispostas en acios colgantes, chamadas amentos.
Froito: cilíndrico, entre 2,5 e 3 cm de lonxitude. Sementes aladas de pequeno tamaño.
Outros datos: a súa cortiza é lisa, de cor branca agrisada con bandas horizontais grises ou de cor parda, que se escurece coa madurez. Árbore de crecemento rápido.
Utilidades e curiosidades: especie moi estendida. Emprégase como árbore ornamental e é habitual o seu uso en plantacións lineares a carón de cursos de auga, en estradas ou en plantacións urbanas como cortaventos. Posúe unha madeira branda e elástica, fácil de traballar, que se emprega en tornería, carpintería e na elaboración de utensilios para uso doméstico: cubertos, pratos, tecidos e calzado (zocas).
Necesidades e cultivo: tolera moito tipo de solos sempre que haxa unha boa achega hídrica. Ten preferencia por terreos fértiles e ácidos con boa drenaxe. Medra mellor ao sol que á sombra, soporta ben as baixas temperaturas e as rachas de vento, mais non aguanta ben as altas temperaturas e a proximidade á costa. Non tolera ben a poda.