Aucuba (cast. aucuba, laurel manchado)

Aucuba japonica Thunb.

Aucuba

Familia:Garryaceae     

Arbusto perenne

Orixe: Xapón, China e Taiwán.

Porte e altura: arbusto de porte redondeado e compacto, moi ramificado, que pode acadar os 3 m de altura.

Follas: coriáceas, entre elípticas e ovais, de ata 25 cm de longo, bordos dentados e de cor verde brillante con variegacións amarelas variables dependendo do cultivar.

Flores: de cor rosa avermellada, dispóñense en pequenos acios cimosos e non teñen moito valor ornamental; florecen na primavera.

Froito: bagas elípticas de pequeno tamaño e cor vermella intensa; moi vistosas (só aparecen nos pés femininos).

Outros datos: arbusto dioico. Hai unha gran variedade de cultivares; entre eles, os máis coñecidos son ‘Crotonifolia’, ‘Golden King’, ‘Variegata’, ‘Longifolia’ e  ‘Rozannie’.

Utilidades e curiosidades: o seu uso é exclusivamente ornamental; pódese empregar como exemplar illado para darlle cor a unha zona sombría, en macizos arbustivos, en sebes ou en testos de gran tamaño. Serve como planta de exterior ou interior, e é moi decorativa polo seu cromatismo. As follas e as bagas son lixeiramente tóxicas.

Necesidades e cultivo: é unha especie considerada de baixo mantemento, resistente á seca; adáptase ben á maioría de solos pero necesita unha boa drenaxe porque non resiste aos encharcamentos. Recoméndase plantala á semisombra, xa que coa exposición directa ao sol ou a altas temperaturas se lle queiman as follas; non obstante, require luz para acentuar as variegacións. Non é necesario podala anualmente; de feito, sofre coas podas severas, pero mellora cunha moderada no inverno antes de brotar. Soporta ben a contaminación urbana, as xeadas débiles e a salinidade preto de zonas costeiras.