Acivro

Ilex aquifolium L.

Acivro

Familia:Aquifoliaceae

Árbore perenne

Especie: dioica

Floración: na primavera

Orixe: nativa do oeste e do sur de Europa, do norte de África e do suroeste de Asia.

Porte e altura: pode alcanzar os 20 m de altura; a súa copa é moi densa e con forma piramidal.

Follas: alternas, de cor verde escura, brillantes e coriáceas. As follas da base da árbore adoitan ter unha marxe fortemente dentada, pero pode volverse lisa nas follas da parte superior da planta debido a unha adaptación para evitar que llas coman os animais herbívoros.

Flores: de cor branca ou rosada, moi pequenas e sen valor ornamental. A especie é dioica, polo que as flores masculinas e femininas se desenvolven de forma diferenciada en distintos pés.

Froito: baga redondeada de cor vermella, visible no outono e no inverno.

Utilidades e curiosidades: é unha especie de grande interese ornamental que destaca pola súa brillante follaxe e pola cor dos froitos que presentan os exemplares femia. Existen multitude de variedades ornamentais con diferentes padróns de coloración e distintos tipos de marxes nas súas follas. O interese pola especie debido ao seu uso como adorno de Nadal en España reduciu as poboacións naturais de maneira considerable, ata que se fixo necesaria a súa protección para preservala. Nos anos oitenta, a especie estivo protexida en varias comunidades autónomas, entre as que se atopa Galicia. A súa madeira é dura, compacta e pesada, difícil de traballar, pero apreciada en ebanistería e torneado.

Necesidades e cultivo: o seu crecemento é lento. Desenvólvese ben nunha gran variedade de solos, pero prefire os ácidos e ben drenados, con sombra parcial e moita humidade.