Aciñeira

Quercus ilex L.

Aciñeira

Familia: Fagaceae

Árbore perennifolia

Orixe: rexión mediterránea.

Porte e altura: pode superar os 25 m de altura; porte ovalado-redondeado.

Follas: alternas, simples, oblongo-lanceoladas, de entre 2 e 9 cm de lonxitude, coa marxe serrada ou dentada espiñenta en exemplares novos e enteira ou dentada nos adultos. A parte superior do limbo é de cor verde escura e o envés verde clara agrisada e tomentosa.

Froito: landra oblongo-cilíndrica de 1,5 a 3,5 cm de lonxitude, recuberta dunha cúpula formada por escamas planas e moi apertadas.

Outros datos: a súa cortiza é dura, grosa e de cor agrisada escura, con fisuras verticais.

Utilidades e curiosidades: é unha das árbores máis representativas de España. A súa madeira densa e compacta, duradeira, pesada e elástica, emprégase para fabricar ferramentas e en ebanistería, marquetería e torneado. Tamén se utiliza moito en obras hidráulicas pola súa resistencia. É un bo combustible. A súa cortiza é rica en taninos e os seus froitos, moi valorados para a alimentación do gando. Ademais, ten valor ornamental polo seu porte maxestoso.

Necesidades e cultivo: crece ben en todo tipo de terreos, excepto naqueles mal drenados ou moi salinos. É unha planta xerófita que resiste ben o frío e a seca. Prefire zonas soleadas, cálidas e secas. Soporta ben a poda e rebrota de raíz despois dun incendio.