Abeleira (cast. avellano)
Corylus avellana L.
Familia:Betulaceae
Árbore caducifolia
Orixe: Europa e Asia occidental.
Porte e altura: pode acadar os 10 m de altura; o seu porte natural é arbustivo, conformado por numerosos pés e chupóns, xa que se ramifica desde a base; isto pode modificarse dependendo do sistema de poda empregado.
Follas: de entre 5 e 10 cm, redondeadas ou ovaladas, cos nervios moi marcados, de base cordada, bordo serrado e ápice apuntado. A face é glabra e o envés, pubescente na zona das nerviacións.
Flores: dispostas en amentos que aparecen no inverno. Os masculinos son pendulares de cor amarelenta, duns 5 cm de lonxitude, e os femininos, máis pequenos, ovoides, de cor marrón, moi semellantes a xemas foliares.
Froito: as abelás son sementes redondeadas envoltas entre dúas brácteas verdosas que non as recobren de todo e están dispostas en grupos de 1 a 5; aparecen nas ramas novas e maduran a finais do verán ou a principios do outono.
Outros datos: a súa cortiza é de cor pardo agrisada ou gris avermellada, lisa, e vaise gretando co paso do tempo.
Utilidades e curiosidades: cultivada maioritariamente como especie froiteira polos seus froitos comestibles, pero tamén como especie ornamental; destacan a súa follaxe desde a primavera ata o outono, a floración no inverno e a súa frutificación a finais do verán e a principios do outono. A madeira é branca-avermellada, lixeira, moi elástica e flexible, non adecuada para a construción polas súas dimensións, pero si para elaborar utensilios coma mangos de ferramentas, para facer doelas de barrís ou bocois, para cestería (as pólas máis finas) ou para valados. A súa casca e as follas son adstrinxentes e empregáronse con fins medicinais. Pola contra, a casca do froito é diurética. A abelá pode consumirse en fresco ou como froito seco e tamén serve para extraer un aceite con alto contido en ácidos graxos insaturables.
Necesidades e cultivo: non é moi exixente co tipo de solo, aínda que prefire os ácidos e húmidos, con boa drenaxe e oxixenación. As raíces teñen tendencia a medrar superficialmente máis que en profundidade. Tolera ben o frío, pero prefire climas tépedos; as xeadas continuadas no momento da floración poden facer abortar a flor e reducir a produción do froito. Necesita moita luz, o que favorece a produción, aínda que tamén pode medrar en áreas sombreadas.