Árbore das tulipas
Liriodendron tulipifera L.
Familia: Magnoliaceae
Árbore caducifolia
Floración: primavera
Orixe: nativo dos Estados Unidos e Canadá
Porte e altura: pode acadar os 25 ou 30 m de altura e o seu porte natural é piramidal. A súa copa é ampla, con ramas horizontais que se estenden de maneira uniforme.
Follas: alternas, de entre 10 e 20 cm, pecioladas, de cor verde clara, con forma distintiva catro veces lobulada apuntando cara a fóra (de maneira informal dise que teñen forma de cabeza de gato).
Flor: solitaria, de entre 4 e 5 cm de diámetro, cos sépalos de cor branca ou amarelenta e os pétalos da mesma cor, pero cunha franxa alaranxada na base; a súa forma é similar ao tulipán, de aí procede o nome común da árbore.
Froito: cono leñoso que se desfai na madurez, formado pola unión de moitas sementes aladas.
Outros datos: a súa cortiza é parda, gretada e escamenta nos exemplares vellos.
Utilidades e curiosidades: árbore robusta e lonxeva, de interese ornamental polo seu porte e pola beleza das súas flores e a coloración outonal e forma das súas follas. Florece ao pasar dos quince anos de idade. A madeira é lixeira, branda e duradeira, de cor amarela clara. No seu lugar de orixe úsase para construción de mobles, barcas ou acabados no interior de vivendas.
Necesidades e cultivo: adáptase ben a diversas condicións, incluíndo solos arxilosos e areosos, aínda que prefire exposicións soleadas, solos ricos en nutrientes e boa drenaxe. É unha especie resistente e relativamente sinxela de coidar. Débese ter en conta que é unha árbore que acada grandes dimensións e necesita bastante espazo.