Saúde Mental FEAFES Galicia
- Vigo
- 986 485 779
- feafesvigo@feafesgalicia.org
- feafesgalicia.org/
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro e de interese social que naceu en 1995. Actualmente integra doce asociacións, está presente en preto de trinta localidades galegas e representa as máis de 60.000 persoas con problemas de saúde mental que hai en Galicia.
A súa misión é liderar e representar o movemento asociativo das galegas e galegos con problemas de saúde mental e das súas familias, defender os seus dereitos e mellorar a súa calidade de vida para conseguir unha plena integración na comunidade. Ademais, a federación promove e xestiona servizos de calidade que benefician o colectivo e tamén fomenta a sensibilización social cara á saúde mental.
Actuacións
Co obxectivo de ofrecerlle unha atención integral ás persoas con problemas de saúde mental, ás súas familias e á súa contorna, Saúde Mental FEAFES Galicia conta cos seguintes servizos gratuítos:
Información, asesoramento e apoio: proporciónalles ás persoas con problemas de saúde mental e ás súas familias información e asesoramento individualizado e personalizado sobre saúde mental, recursos e servizos de utilidade. Dispón tamén dun servizo de asesoramento xurídico para orientar sobre asuntos legais relacionados coa saúde mental.
Inserción laboral e emprego: ofrece información, asesoramento e apoio á inserción laboral como centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galicia. Facilita a inserción laboral a través de accións de información, orientación, formación, intermediación laboral coas empresas e apoio para que as persoas con problemas de saúde mental consigan e manteñan un posto de traballo.
Acción social: atende as persoas con problemas de saúde mental que se atopan en situación de especial vulnerabilidade social, económica ou material. Para iso, a federación traballa na súa contorna realizando unha intervención particular en cada caso.
Lecer e deporte: ao longo do ano, organízanse estancias nunha casa vacacional, viaxes, actividades culturais e programas deportivos. Ademais, a federación conta con grupos de ocio que desenvolven actividades lúdicas en distintas localidades galegas. As e os participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física desde unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade.
Comunicación e sensibilización: a entidade trata de difundir unha imaxe normalizada e integradora do colectivo entre a cidadanía. Para iso, está en contacto cos medios de comunicación, elabora publicacións, material divulgativo e campañas de sensibilización, e difunde as súas mensaxes a través das redes sociais.
Datos de contacto
Rúa Aragón 147, baixo, portal 1, 36206 Vigo